25 de julio de 2008

Mimo nas rúas


“Quéroche contar un conto.
Quéroche un conto cantar.
Alumear o rostro do meu pobo.
As bágoas do meu pobo agarimar.”

É ela quen fala
quen berra mudiña nas rúas
tentando espertar cos seus ollos
o sorriso na túa pupila;
procurando chegar coas súas mans
á tenrura do teu corazón;
desexando atopar compañeiro
pra cantar unha mesma canción.

“Quéroche andar un camiño.
Quéroche un camiño danzar.
Desvelar a dor da miña xente.
A esperanza da miña xente apreixar.”

É ela quen se move
quediña de pé sobre as rúas
dando présa ós teus pasos
arrincandoche un abrazo,
amosando cos seus mimos
os rostros que tendes ó lado;
desexando atopar compañeiro
pra bailar hoxe ó mesmo son.


Santiago de Compostela 1997

No hay comentarios: